Coas badaladas de fin de ano empeza en Laza o ciclo do Entroido. Os mozos recorren as rúas do pobo facendo soar os chocos, anunciando que o Entroido está preto pero aínda sen lucir o traxe, este non se pon ata o día da estrea que é o domingo de Entroido, como veremos máis adiante.
A partir de entón vense polas noites grupos de amigos que saen vestidos con roupas vellas e vistosas e coa cara cuberta: son as “máscaras” e “maragatos”. Éstes chaman ás portas dos veciños e camuflan a súa voz para non ser recoñecidos polos anfitrións da casa, os cales lles serven amablemente algún licor e tratan de adiviñar a súa identidade.
Tamén dende esta data, cada venres pola noite pode facerse un “folión” que consiste en xuntar varios fachóns con palla ós que se lle prende lume, e deste xeito recorrer as rúas do pobo, acompañados polo ruído dos chocos, de bombos e de troula. Mentres que os veciños que están nas casas agardan o paso do folión para “agasallalos” con cinsa que botan dende os balcóns. Porei como exemplo o calendario do ano 2006, no que se celebraron folións os venres 3, 10, 17 e 24 de febreiro. O cuarto folión é coñecido entre os lazanos como “O Gran Folión”.
Á medianoite centos de persoas reúnense na entrada do pobo (A Cerdeiriña), e inician o seu itinerario ó longo das escuras rúas, únicamente iluminadas esa noite pola cálida luz dos fachóns de palla ardendo ós que antes me referín. É este un antigo rito agrario, xa que o lume tiña como finalidade purificar as terras e manter afastados ós malos espíritos. Dende os corredores e solainas das casas tíraselle cinsa e fariña ós transeúntes que inútilmente tratan de escapar desa nube de po que se abalanza sobre eles.
O sábado de Entroido, pola tarde ten lugar na Praza da Picota, zona na que se concentra a xente, a “fariñada”, unha batalla campal na que os participantes se botan puñados de fariña os uns ós outros. Ningún curioso que se achegue a observar consegue escapar limpo.
Unha vez caída a noite os grupos de amigos reúnense pala celebrar as sonadas “cabritadas”. Antigamente os mozos (se ben hoxe calquera as pode celebrar) reuníanse nunha casa baleira, e un ou varios membros da cuadrilla preparaban para os comensais un exquisito cabrito asado ó espeto, á brasa ou ó forno. E deste xeito entre cabrito, viño e algarabía segue a esmorga na verbena que ten lugar na Praza da Picota ou ben nos diferentes bares do pobo, aínda que actualmente se continua coa festa na casa de algún veciño ó que fan levantar da cama para que os convide a viño, a licorcafé ou ó que se tercie, o caso é non durmir e prolongar a festa.
Tradicionalmente, unha vez que a orquestra recollía os instrumentos, a xente nova reuníase nas palleiras para continuar a festa, ou se cadra durmir un par de horas antes de que saísen as primeiras raiolas do sol. Aqueles con máis aguante permanecían impasibles ante o frío e o sono, e agardaban na Picota a que aparecese o primeiro peliqueiro, anunciando co seu porte, beleza e bravura a chegado do domingo de Entroido.
Ten lugar neste día o que se coñece como “A estrea dos Peliqueiros”, xa que é o primeiro día no ano no que se volve a vestir este traxe. Aqueles mozos que dende o día un de xaneiro corrían polas rúas cos chocos e coa zamarra para exercitar a súa forma física e para aprender posturas novas imitando ós veteranos, son os que neste día e nos vindeiros visten o peliqueiro.
O nome de “peliqueiro” venlle da pel ou pelica que leva detrás da careta e da zamarra coa que saúda ou zorrega ós que se cruzan no seu camiño polas rúas do pobo.
O traxe do peliqueiro, aínda que con algunhas excepcións como veremos ó falar das partes individualmente, consérvase case como hai máis de cen anos, tal como no lo describe Xosé Alonso Obregón na súa obra “A miña aldea”. É posible remontarnos ó século XVIII, agás a garabata que foi introducida moi posteriormente, e a careta e os chocos que son de orixe celta ou prehistórica.
En Laza, o peliqueiro é sagrado e intocable, é o rei indiscutible do Entroido. Ninguén lle pode chamar polo seu nome propio, nin interpoñerse no seu camiño. Visitan as casas do pobo, onde son agasallados polos veciños con bica, licorcafé, xastre etc... Son os gardiáns dos outros personaxes do Entroido: acompañan ó carro da bica, á morena, ó testamenteiro, poñen un pouco de orden entre tanto caos.
Igual que noutros lugares de Galicia, en Laza o Entroido estivo prohibido na época franquista, pero os lazanos seguían a celebralo e os peliqueiros marchaban a correr polo monte para evitar a presencia da Garda Civil. De feito, no xornal da rexión sae publicado un artigo no que un veciño de Laza foi multado alá polos anos 40 por poñer o peliqueiro. Por outra banda, Xosé Alonso Obregón, autor nativo deste pobo, na súa obra “A miña aldea” na páxina 61, fai un pé de páxina no que di : “Contan que moitos anos atrás ouvo un Correxidor n-iste poeblo que quixo quitar os peliqueiros; trouxo de Monterrey un piquete de soldados, solo que os xefes non viron crimen n-a cousa e fixeron vista gorda y-os soldados acabaron por vistirse tamén de piliqueiros.”
O domingo da estrea os peliqueiros realizan visitas ás casas do pobo onde son agasallados con bica, viño, licorcafé, ou xastré. Preto da unha do mediodía todos semellan dirixirse a un mesmo lugar. As rúas quedan envoltas nun silencio abrumador, e na Praza da Picota non se ve un só peliqueiro...
Todos eles atópanse ó pé da igrexa, no fondo das escaleiras que conducen ó camposanto, distribuídos en dúas longas filas, agardando a que os paisanos saian da misa. Os devotos cristiáns que neste domingo de Entroido non quixeron faltar á súa cita con Deus, pasan entre as dúas ringleiras de peliqueiros que lles propinan un suave “zamarrazo” nas costas, a modo de saúdo.
Seguidamente, a xente concéntrase na Picota e os peliqueiros volven dirixirse masivamente, pero sempre de forma ordenada en ringleira, cara un mesmo lugar, neste caso cara a Cerdeiriña que, como xa expliquei anteriormente, é o barrio que se atopa na entrada do pobo. Alí atópase un carro de madeira decorado con xestas. Nel van subidas mozas da aldea, vestidas cos traxes típicos de galega, varias botellas de viño, un par de bicas pequenas e unha bica de importantes dimensións coa forma dunha careta de peliqueiro. O carro non é tirado por ningunha besta nin animal de carga, senón por uns oito mozos e homes que, ataviados con roupas vellas, empregan toda a súa forza para subir este carro ata a Praza da Picota, custodiados por tódolos Peliqueiros que, unha vez máis, distribuídos ó longo de dúas ringleiras, percorren as rúas que os conducen directamente ó seu destino.
É esta unha das imaxes máis fermosas que se poden observar nestes días: un desfile de luz e vistosidade, de ledicia e de comuñón entre os lazanos e os forasteiros, que xuntos observan como un ano máis nin a modernidade nin o paso do tempo puideron perturbar unha tradición tan ancestral coma esta.
Una vez no alto da praza, unhas mozas permanecen subidas no carro, cortando o doce e delicioso manxar que as outras catro repartirán, primeiro ós peliqueiros e a aqueles valentes e fortes homes que tiraron do carro, e logo a tódolos presentes. A miúdo é necesario que unha parella de peliqueiros acompañe a cada moza para abrirlle paso entre a multitude de xente que, ansiosa por degustar un anaco de bica, se abalanza sobre ela.
A bica é un pastel realizado a base de leite, ovos, fariña e azucre. Antigamente, as mulleres reuníanse no forno da aldea e cada unha elaboraba varias bicas para consumo propio e para ofrecerlle ós peliqueiros, máscaras e forasteiros que durante o Entroido visitaran as súas vivendas. Na actualidade, as bicas son mercadas nas panaderías, aínda que hai persoas que as elaboran na casa.
Primeiro repártese ós peliqueiros. A primeira en repartirse é a bica con forma de careta (cómpre dicir que antigamente podía imitar calquera parte da indumentaria do traxe de peliqueiro, tal coma o pantalón ou chaqueta, pero dende fai unhas décadas, é a careta a forma preferida para representar), que é moito máis doce e zumento cas outras tres que se reparten unha vez que se rematou a primeira. Tras este acto gárdase o carro para ser empregado cos mesmos fins ó ano seguinte e todos van a xantar e a descansar un par de horas.
É costume en Laza que os mozos, durante o Entroido, xanten e ceen cada día na casa dun membro do grupo. Nunca se sabe cando unha cuadrilla dunha decena de rapaces pode irromper na casa, famentos e sedentos tras tantas horas de festa ininterrompida. Por iso nas casas prepárase un bo cocido, lacón con grelos e patacas cocidas, caldo galego, cabrito asado... para convidar a todos aqueles que chamen á porta nestes días. O feito de que as mulleres estiveran sempre relegadas na cociña, ocupándose de que ós homes non lles faltase de nada e gozasen do Entroido sen preocupacións, é un dos motivos principais polo cal o xénero feminino, discriminado dende tempos inmemoriais, non viste o traxe de peliqueiro; se ben os máis machistas argumentan que sería unha vergoña ver unha “peliqueira”, posto que a súa falta de estilo, a súa mala forma física, e a súa propia constitución non lles permiten percorrer as rúas ante a atenta mirada de veciños, curiosos e obxectivos de cámaras de fotos e televisión.
Na actualidade calquera muller pode vestir o traxe de peliqueiro sen ser censurada por ninguén, pero debe cumprir obrigatoriamente un requisito indispensable (o mesmo que os homes): ter o ESTILO característico e inconfundible dos peliqueiros de Laza. Pois é isto, o porte, as posturas, a forma de correr, a destreza de facer piruetas no aire sen perder o equilibrio, soster a zamarra da forma adecuada, e suscitar arredor miradas de admiración entre os observadores o que diferencia os peliqueiros de Laza de calquera outra figura dos Entroidos doutros lugares.
O domingo pola tarde ten lugar o desfile das carrozas típicas. Moitos dos mozos que pola mañá luciron o peliqueiro aparecen agora vestidos con roupas do máis variopinto. Aqueles que deciden permanecer todo o día co traxe posto volven dirixirse unha vez máis á Cerdeiriña formando dúas ringleiras, en busca das improvisadas carrozas que en breves momentos iniciarán o seu traxecto con dirección a Picota.
A maioría delas son carros adornados con xestas, verzas, acacias... nos cales van subidos xente da aldea representando actividades agrarias ou calquera outra habitual nas casas galegas, tales coma asar castañas e chourizos. Sen embargo, o máis habitual é ver representacións cunha forte carga satírica e burlesca dirixida contra os políticos e contra a Igrexa.
Sacerdotes e pontífices aparecen caricaturizados coma persoas obscenas e pouco honradas, mentres que personalidades do mundo da política ou protagonistas de calquera acontecemento de actualidade, ben sexa internacional, nacional ou local, aparecen retratados das formas sorprendentes xamais imaxinadas. As carrozas nas que se representan accións con contidos sexuais e escatolóxicos tamén son moi abundantes, para provocar calquera tivo de reacción no espectador (asombro, repugnancia, risa...) e non deixalo nunca indiferente.
Tras esta mostra de imaxinación, orixinalidade e extravagancia, os lazanos bailan toda a tarde ó son da música que anima a festa e os corazóns das xentes. Arredor das nove da noite a Picota vai quedando valeira; chegou a hora de volver á casa para quentarse á calor do fogar e saborear un delicioso caldo ben quente para recuperar os folgos. Aínda queda moita noite por diante, pois a música, fiel acompañante do Entroido, seguirá soando forte e incansábel ata altas horas da madrugada.