Imaxe de separación
Logo
INICIO | MAPA DA WEB | CONTACTO
Logo Sección Actualidade
Novas
Galería de fotos
Enlaces
Logo Sección Concello
Saúdo
Corporación
Pobos de Laza
Servizos
Empresas locais
Separación
Separación Logo Sección Turismo
Historia
Localización
Festas
Entroido
Peregrinos
· A orixe do Entroido
· O ciclo do Entroido I
· O ciclo do Entroido II
· O traxe do Peliqueiro
· Vídeo-reportaxe do Entroido de Laza
· PROGRAMA ENTROIDO 2010
Barra separadora
O ciclo do Entroido II
O luns de Entroido, chamado tamén ás veces “luns borralleiro” é sen ningunha dúbida un dos días máis animados destas datas. Dende as primeiras horas da mañá a afluencia de turistas e curiosos que acoden á Laza é dunha considerable importancia. O feito que tanto chama a atención é “A farrapada”, unha especie de combate no que os participantes, distribuídos normalmente en dous grupos, lánzase mutuamente anacos de tela enzoufados en bulleiro, que aquí chamamos “farrapos”.
Esta organización en dous equipos combatentes é pura improvisación: non hai ningún árbitro nin persoa encargada de tal distribución, senón que todo xorde de maneira espontánea; nin sequera ten porque haber dous bandos, senón que se poden formar máis ou incluso non haber ningún. A única norma que se debe respectar é lanzar os farrapos con dirección a calquera parte do corpo do opoñente, excepto á cara. Sen embargo é moi difícil que alguén acabe co rostro limpo entre tal desorde de farrapos embulleirados voando en tódalas direccións. A Farrapada
Esta ancestral costume con séculos e séculos de antigüidade ten suscitado moitas preguntas e especulacións por parte de aqueles ós que chegou o rumor de que en Laza os farrapos levan “bosta de vaca”. A explicación é moi sinxela: ata comezos da década dos oitenta as rúas da aldea non eran máis que camiños de terra aínda sen asfaltar. A gandería constituía, xunto coa agricultura, unha das actividades fundamentais para a subsistencia das familias galegas do interior. En Laza, practicamente tódalas casas tiñan como mínimo unha cabeza de gando ou aves de curral. Estes animais domésticos a miúdo andaban polas rúas, polo que estas estaban cheas de terra e excrementos de todo tipo. Antigamente, no Entroido, os farrapos enzoufábanse no bulleiro das rúas, motivo polo cal é ben seguro que moitos deles foran portadores non só de terra senón de substancias fecais variadas.

Na actualidade, tódalas rúas de Laza están asfaltadas, e no “luns borralleiro” o que se fai é depositar na Praza da Picota un túmulo de terra (simplemente terra) e botarlle por riba un par de caldeiros de auga. Esta masa resultante de mesturar dous dos catro elementos aristotélicos é a única que portan os farrapos de Laza.

Neste marco cómpre falar dunha tradición desaparecida dende fai varias décadas. Os maragatos, que como antes sinalei, eran persoas vestidas con roupas vellas e aldraxosas, cornos, peles de animais..., representaban nas súas orixes ós habitantes da Maragatería, comarca situada na provincia de León, concretamente no oeste de Astorga, que comerciaban polo nordeste da península. Pola súa estratéxica situación xeográfica, Laza era ponte de comunicacións entre Galicia e Castela; e ata o século XX era a única vía de entrada, coñecida co nome de Vía da Prata. No luns de Entroido, algúns destes comerciantes que habitualmente pasaban por Laza, visitábannos ataviados coas vestimentas habituais de quen trota centos de quilómetros por camiños cheos de barro e bulleiro, durmindo ó pé dun carballo tendo como única fonte de calor as peles dalgún animal e co rostro sucio, cos indubidables signos de fatiga de quen camiñou horas e horas sen descanso. O seu aspecto desaliñado provocaba nos lazanos sorrisos e carcaxadas. Un destes maragatos acostumaba a levar sobre as costas unha albarda, motivo polo cal pasou a recibir o nome de “Albardeiro”. Este tentaba de botarlle por riba o borrallento e pesado material ó primeiro que pillase desprevido. Os mozos de Laza tiñan por costume embulleirar e pechar ós maragatos en algún cortello durante un par de horas, ou se cadra un día enteiro. Na actualidade a palabra maragato (que, repito unha vez máis, nas súas orixes designaban ós nativos da Maragatería) é empregada para referirse a calquera personaxe que pola súas vestimentas farrapeiras e o seu rostro luxo e pintado, represente a antítese do Peliqueiro.
Xunto coa farrapada ten lugar tamén o luns de Entroido a chamada “Xitanada dos burros”, un desfile moi enxebre e pintoresco no que parellas de mozos e mozas pasean polas rúas montados nun burro, un dos animais con maior protagonismo durante estas datas. Cando esta singular cabalgata pasa pola Picota, está absolutamente prohibido tirar farrapos, co gallo de evitar que algún destes vai parar sobre o lombo de calquera que vaia montado sobre o animal.

Do mesmo xeito, os peliqueiros tampouco poden ser nunca o obxectivo ó que tirarlle un farrapo, fariña, cinsa ou calquera outra substancia. O peliqueiro é unha figura sagrada, a máxima autoridade no Entroido. O seu traxe impecable non pode ser ensuciado, e calquera que se atreva a tocalo ou insultalo sabe que corre o perigo de recibir un bo zamarrazo.
Xitanada nos 50
Outra costume tradicional, na actualidade perdida, consistía en que neste día os mozos de Laza non vestían o traxe de peliqueiro, senón que o facían os doutras aldeas pertencentes ó concello, a saber os de Castro, Soutelo e Vilameá. Os de Laza ían saírlles ó camiño, pero mantiñan unha distancia prudencial dun quilómetro de separación. Unha vez todos reunidos na Picota, a xente de Laza formaba un grupo. Os homes suxeitaban forquitas e paos e as mulleres sarténs e outros aparellos de cociña cos que ameazaban a estes peliqueiros que hoxe os visitaban (e que recibían o nome de leiteiros por dicirse que subsistían a base deste alimento e dos seus derivados) e que formaban unha rolda arredor deles propinándolles zamarrazos. É o que se coñece co nome de “toura-boura”.
Pasado o mediodía, a Praza da Picota vaise convertendo en lugar de reunión de aqueles que, ben nos visitan por primeira vez, ben xa son fieis seguidores do noso Entroido, deciden pasar un momento agradable bebendo cos amigos nalgunha das tabernas próximas ou bailando ó pé da orquestra para entrara en calor durante as horas previas ó comezo dun dos acontecementos máis sonados e coñecidos polo mundo enteiro: a baixada das formigas e da Morena dende CimadeVila. A Morena
A Morena é un home que leva por riba unha manta e unha cabeza de vaca feita de madeira. Cando fai a súa entrada triunfal na Picota, onde apenas colle un alfinete, tenta de escornar ós presentes e levantarlle a saia ás mulleres (acto con unha forte connotación sexual), mentres que a numerosa comitiva que a acompaña bate con toxos e cobelleiros nas cabezas de aqueles que inutilmente tratan de protexerse. Mentres tanto, sacos de formigas vivas, propias da zona, previamente recollidas e en ocasións mesturadas con fariña e vinagre co que se poñen máis rabiosas, van quedando pouco a pouco baleiros ó ser lanzado o seu contido ó aire, que cae sobre os corpos da multitude que entre berros e salaios se queixa das cóxegas e mordeduras que estes diminutos insectos lles producen.
A xente tenta escapar dos toxos
O feito de lanzar formigas mesturadas con vinagre foi moi criticado por grupos de ecoloxistas que vían nesta costume ancestral un acto de salvaxe maltrato animal. Tamén contribúe de abondo ó barullo a máquina limpadora que chega de Souteliño, botando fariña e tinguindo a praza e os presentes de branco. Toxos e formigas
Tras o baile frenético realizado pola xente aglomera na Picota, tratando de desprenderse das formigas agochadas entre as súas prendas, chegou a hora de recuperar folgos: un carro repleto de cachuchas (cabezas de porco) fai a súa entrada na praza, e varios mozos ocúpanse de repartir xenerosamente o suculento manxar entre aqueles que desexen degustalo. Reparto da Cachucha
O martes de Entroido é costume en Laza que saian ás rúas os “peliqueiros veteráns”, é dicir, aqueles homes, de idade superior ós corenta anos, posuidores da experiencia que os máis novos veneran e ansían.
É verdadeiramente fermoso ver como todos eles, a pesar dos achaques que calquera poida ter, seguen fieis a unha tradición que cada ano se repite, tal é o orgullo destes homes ó vestir o peliqueiro e correr coma o vento polas canellas e entre a xente que na Picota, abraiada, comenta: ¡Mira que bo Peliqueiro!. Atrévome a afirmar que poucas cousas hai que fagan a un lazano máis feliz que escoitar esta frase. Peliqueiros veteráns
A mañá e a tarde discorren tranquilas na praza da aldea, cos peliqueiros correndo dun lado para o outro e co desfile dalgunhas improvisadas carrozas, semellantes a aquelas que saíron o domingo, pero nas que se adiviña un certo grado de tristura. Os temas agora representados están directamente relacionados coa morte. Pois a verdade é que o martes é un día de loito para todos os lazanos: as mulleres vístense con roupas negras e das súas gorxas brotan profundos e esaxerados salaios, coma se de verdadeiras pranteiras se tratara (antigamente as pranteiras eran mulleres contratadas para chorar nun enterro pola morte dun defunto); os peliqueiros transforman a súa tristeza en forza e vitalidade e corren e saltan con máis rabia que nunca; ademais levan un pano de cor negro atado na careta, de xeito que a atravesa formando unha diagonal: é o sinal de loito pola morte do Entroido. Pranteira

Ó caer a tarde chega un dos momentos máis esperados, a lectura do testamento. Trátase dunha composición literaria en forma de verso e con rima. Esta é elaborada por unha persoa designada para tal labor, que recibe o nome de “testamenteiro”. Na actualidade o testamento é unha crítica satírica e burlesca daqueles acontecementos que a nivel internacional, nacional ou local tiveron lugar, ó longo do ano, nos ámbitos da política e da sociedade.

O testamenteiro comeza falando da morte dun burro na aldea e continúan contando asuntos de saias, casos graciosos que lle aconteceron ós veciños e todo tipo de críticas, que poden recaer sobre o alcalde, os conselleiros, o cura, o médico... ou sobre calquera outro lazano. Á medida que avanza co seu discurso vai facendo o reparto das partes do burro entre aqueles que aparecen nomeados no seu testamento, popularmente coñecido como “o testamento do burro”. Antigamente, o testamento era improvisado sobre a marcha.

Textos orixinais de Carmen Rivero.

O Testamenteiro
Subir  
Barra separadora