- A careta: consta de dúas partes: o cavaco e a mitra.
O cavaco é de madeira de ameneiro ou de bidueiro. Antes de tallala ten que ter unha largura de 25 cms, unha anchura de 16 cms e unha altura de 14 cms. Unha vez recortado o cavaco hai que cocelo durante tres horas, para que a madeira non rache ó tallar a cara; primeiro cávase por dentro e despois dáselle forma o nariz e á boca e márcanse tamén os ollos. É importante que a boca sexa ben proporcionada. Finalmente faise o lixamento do cavaco ate darlle a forma definitiva da cara. Leva pegada unha barba de lebre, bigotes, cellas e coloretes pintados. Pero sen dúbida o que máis chama a atención son os seis dentes labrados na madeira que lle confiren un sorriso entre malvado e burlón.
Posteriormente engadeselle a mitra: é unha lámina de lata que ten unhas dimensións de 50x50 cms, de forma cónica, aínda que sen rematar en pico. Dende que está recortada fáiselle un rebaixe na base en forma de semiesfera de 14 cms de diámetro e crávase na cara a unha distancia de 3 cms do nacemento do nariz.
Colócase logo pola parte de atrás o sombreiro, a badana e a pel, que antes era de gato, aínda que hoxe emprégase a pel sintética.
Para rematar a careta píntaselle unha figura na mitra, antigamente os debuxos que máis se empregaban eran os motivos vexetais, xeométricos e os de culto ós astros (o sol, a lúa, as estrelas), agora empréganse máis os de animais (xeralmente animais de aspecto fero).
- Zapatos negros: novos e flexibles. A ser posible coa sola de goma para non esvarar e coa punta algo afiada para darlle máis elegancia.
- Un par de medias que recobren totalmente as pernas. O máis habitual é velas de cor branco, aínda que tamén se pode optar por unhas de cores máis vivas. Van cosidas a un calzón que vai debaixo do pantalón.
- As ligas van colocadas debaixo dos xeonllos. Son de fantasía e a súa única finalidade é facer máis vistoso o conxunto.
- O pantalón é confeccionado artesanalmente a partir dun calzón curto de liño que remata por riba dos xeonllos. Arredor leva cosidos encaixes de cor vermella ou verde e catro filas horizontais de pompóns brancos de fío. O pantalón leva tamén dous petos laterais e debaixo deles seguindo ó longo da perna vai colocada unha panilla sobre a cal se colocan tres pondóns mesturando a de cor verde coa vermella e coa rosa.
- Un par de tirantes van debaixo da chaqueta e suxeitan o pantalón.
- As faixas empréganse para para estilizar a figura do peliqueiro e sobre todo para protexer as cadeiras dos golpes dos chocos. Poden ser azuis, vermellas ou verdes.
- Unha camisa branca e uniforme, tradicionalmente de seda.
- A gravata: é este un elemento que se incorporou máis tarde ó traxe do peliqueiro pois antigamente non existía. Posiblemente se engadira para resaltar a elegancia do peliqueiro.
- A chaqueta: é moi importante que sexa un bo xastre ou modista quen a faga. A chaqueta é curta, chega ata a metade das costas para deste xeito adaptarse mellor ós movementos do peliqueiro. Leva unha charreteira en cadanseu ombreiro de tipo militar ou de aluminio. Van forradas de panilla vermella da que penduran uns frecos dourados. Nas mangas, nos laterais e na traseira leva uns galóns. A chaqueta non cerra no peito, polo cal se lle colocan tres pares de fitas de cores que se atan facendo tres lazos.
- O pano de cabeza vai colocado sobre a chaqueta. Para aseguralo ben empréganse tres barras, unha na traseira e dúas na dianteira. Este pano ten que ser de cores vivos. Adoita ser regalo da moza ou mozo.
- O cinto ten que ser de coiro e debe ser suficientemente duro e resistente. Ten que levar seis chocos de 26 cms de longo cada un. Tres teñen que ser femias (o seu son é suave) e tres machos (de son forte). O bo son dun cinto de chocos depende da perfecta combinación destes. Os seis chocos pesan sobre cinco kilos.
- A zamarra componse de dúas pezas: o mango que é unha especie de pao de pouco máis de medio metro, labrado e perfectamente acabado; e a correa que colga como un látego de pel de becerro.
O traxe completo de peliqueiro pode pesar uns quince quilos. Precisa doutra persoa con experiencia para que o vista, pois esta tarefa é moi laboriosa e non a fai calquera. |