Imaxe de separación
Logo
INICIO | MAPA DA WEB | CONTACTO
Logo Sección Actualidade
Novas
Galería de fotos
Enlaces
Logo Sección Concello
Saúdo
Corporación
Pobos de Laza
Servizos
Empresas locais
Separación
Separación Logo Sección Turismo
Historia
Localización
Festas
Entroido
Peregrinos
 
 
Barra separadora
Festas: Santo Cristo (Laza)

A festa do tres de maio, celébrase en Laza cada ano e está adicada ao santo Cristo.  É  unha festa relixiosa que posiblemente proceda dunha cerimonia anterior de carácter pagán ou agrario.
Segundo Xesús Taboada Chivite, no seu libro “ Etnografía Galega”, a festa ten cinco compoñentes:

  1. Adán e Eva
  2. O Maio
  3. Sacrificio de Isaac
  4. Os Danzantes
  5. Loita de Mouros e Cristiáns

O nome da persoa que representa a Eva permanece en segredo ata o día da festa na que aparece ante o público despois de que os danzantes e Adán a vaian buscar. Cando Eva se atopa co Adán tenta meterlle unha laranxa na boca e despois achégaa ó seu bico. Os dous xuntos ruben pola  Picota arriba coa comitiva detrás ata a igrexa.

Seguidamente, ten lugar a procesión onde atopamos os seguintes elementos:

  • O ramo de loureiro que leva penduradas varias laranxas, unha rosca e un galo.
  • O estandarte do Santo Cristo.
  • A Virxe do Rosario.
  • O Cristo na Cruz.
  • Os danzantes.
  • Adán e Eva.
  • Os cregos.
  • Abraham, Isaac e o anxo.
  • A banda e a xente

A procesión recorre algunhas rúas dáo pobo e volta á Picota. Aquí ten lugar o auto sacramental do Sacrificio de Isaac. O Narrador empeza deste xeito: “Muy afligido va subiendo por el monte Moria aquel anciano, abrumado con el peso de los años y aún más todavía con el de alguna grave desventura...”

Rematado éste, a procesión continúa ata a igrexa. No adro ten lugar a 5ª danza e a representación da loita dos mouros e os cristiáns. Empeza con un diálogo:

Cristián: Ánimo, soldados míos,
que nadie pierda el aliento,
que vamos a defender
el Divino  sacramento.
Mouro: Al rigor de esta mi espada
tengo que ganar la batalla,
o la muerte será mía,
o la victoria ganada.

Seguidamente empeza a misa.
Pola tarde os danzantes van buscar á Eva  a súa casa para acompañala á praza da Picota onde terá lugar o baile.


1. Adán e Eva

Son o rei e a raíña de maio que simbolizan o espírito da vexetación. Antigamente, o Adán era un home de certa idade e moi gracioso, nos últimos tempos o Adán ten sido un mozo do pobo. A Eva, pola contra, dende sempre era unha guapa moza do pobo. Os dous son escollidos polos mordomos da festa coa obriga de gardar o segredo.
A vestimenta de Adán é sinxela: unha túnica ata os xeonllos e unha aixada ó ombreiro.
A Eva leva un vestido adornado con flores de maceira. Sobre a súa longa melena unha coroa, e tamén outras alfaias. Na man esquerda unha roca cunha estriga de liño que vai fiando, facendo bailar o fuso coa man dereita. No brazo esquerdo unha cestiña con laranxas.
Segundo Xesús Taboada Chivite: “O Maio, Adán e a Eva son ingredentes axustados ó cerimonial cristián, que constitúen claras supervivencias de ritos agrarios”. (Etnografía  Galega, páx. 68-69).

Subir


2. O Maio

É unha gran árbore (o de 1953, medido por Xesús Taboada Chivite, medía 20 metros de altura). Os mozos acostuman ir a buscalo uns días antes da festa a partir das doce da noite. Ao carro de  vacas apértanlle ben as treitoiras para que cante e así saiba o pobo que xa regresan co maio que se coloca preto da praza da Picota. Antigamente púñanse catro destes Maios, aínda que o principal era o da Picota. O de levantar o maio é todo un ritual que congrega a tódolos homes do pobo. Normalmente o levantamento faise con escadas de madeira.
O Maio é un elemento incorporado ao cerimonial cristián, sendo unha clara supervivencia de ritos agrarios propios dos pobos sedentarios cultivadores da terra que  dependen das colleitas e dos  fenómenos naturais coma o paso das estacións, os cales pretenden asegurar con rituais simbólico-máxicos. Este aspecto así aseguran autores como: Maunhart, Filgueira, Valverde, Frazer e outros.
Segundo Vicente Risco e Xaquín Lorenzo no B.R.A.G. Tomo XXIV: “(...) O Maio de Laza, que alí semella ter conservado un caraute máis colectivamente popular, poderíamos dicir máis tribal -pola   participación de tódolos veciños- que noutras partes”.

Subir


3. Sacrificio de Isaac

É unha representación sacra medieval. Os personaxes son: Abraham, Isaac, o anxo e o narrador.
Abraham:  leva un manto vermello e unha túnica branca. Na man leva un coitelo.
Isaac: un neno de  cinco ou seis anos, vestido cunha túnica branca. Ao lombo, atado cun cordel, leva un mollo de videira, que é a leña para o sacrificio.
O anxo: leva unha túnica branca, un par de ás e unha coroa.
O narrador: ó que antigamente se lle chamaba predicador, vai narrando o episodio bíblico do sacrificio de Isaac. Mentres el narra, a escea vaise desenvolvendo seguindo sempre as verbas do narrador. Despois intervén o anxo para impedir que Abraham mate ó seu fillo, e o narrador continúa ata rematar a representación.

Subir


4. Os Danzantes

Seis mozos vestidos con pantalón e camisa brancos, levan unha faixa vermella cinguida á cintura, unha cinta de cor azul a modo de banda, gravata e unha especie de gorro branco na cabeza (antigamente era diferente, na cabeza levaban un pucho de forma ovoide feito con papel rosa). Os dous danzantes de adiante levan espadas na man dereita e unhas castañolas na esquerda, mentres que os outros danzantes só levan castañolas en ámbalas dúas mans.
Os danzantes bailan cinco veces, en cinco lugares diferentes:

  • A 1ª danza ten lugar no adro da igrexa.
  • A 2ª danza na Picota.
  • A 3ª danza no Cruceiro.
  • A 4ª danza no Outeiro.
  • A 5ª danza no adro da igrexa.

Subir


5. Loita de Mouros e Cristiáns

É representada polos mesmos danzantes cun diálogo entre os dous bandos, un pequeno roce de espadas e finalmente a victoria do bando cristián.
Segundo Vicente Risco e Xaquín Lorenzo  no B.R.A.G. Tomo XXIV, páx. 263: “As loitas de mouros e cristiaos relacionadas pola tradición popular co Apóstolo Santiago (...) máis importanza  que a loita das armas ten a disputa teológica, os parlamentos, como din na Sainza, que enantes da batalla sosteñen o mouro e mais o cristiao (...) ”
Esta loita de mouros e cristiáns non ten que ver cos ritos agrarios de maio.
Segundo os autores antes mencionados, na festa do tres de maio de Laza, atopamos tres aspectos diferentes:

  1. Un rito agrario  de orixe prehistórico relacionado coa primavera, que son: “O Maio” (árbore de maio) e o Adán e maila Eva (antigos reis de maio que se mudaron por personaxes da biblia). “(...) hai motivos para matinar nunha contamiñación da representación relixiosa cunha cerimonia anterior de caraute pagán ou agrario, na que os que agora son Adán e Eva serían unha parexa de Reis de Maio (...) ”  (B.R.A.G. Tomo XXIV, páx. 261. Vicente Risco e Xaquín Lourenzo)
  2. Un misterio medieval: sacrificio de Isaac.
  3. Unha representación sacro-popular de mouros e cristiáns. (A danza puido pertencer ó primeiro ou ó terceiro apartado).

Subir

Barra separadora