Mulleres rurais, mulleres no Concello de Laza

A todas...............

Publicamos  este texto que nos enviou Vagalume(muller que prefire manterse no anonimato) ao Concello para homenaxear ás mulleres do Rural, con motivo do día internacional da Muller Rural. Así que vai por todas vos, Mulleres do Rural de Laza. Parabéns. O alcalde.

Invisibles

Cando empezo a perfilar esta pequena homenaxe á muller rural,doume conta que o seu dia xa está pasado. Pero dalgún xeito póñense datas para lembrar o que esquecemos durante todo o ano. Quizais imos tan a présa que queremos fuxir do que é realmente importante, e como unha especie de lavado de conciencia, poñemos un día,unha celebración,unha homenaxe que non nos ocupe demasiado o noso valioso tempo, niso convertémonos os humanos nesta parte do mundo. Pero houbo outro tempo,outros momentos da nosa historia, en que se "cocía a lume lento",coa cadencia suficiente para que os recordos se graven e perduren na memoria.

2019 10 imaxe vagalume

Non fai moito caeu nas miñas mans, rebuscando polos faiados, un vello caderno pequeno sobre as normas da boa esposa. A data de edición era abril de 1940. Inmediatamente a miña mente púxose a divagar e a percorrer eses anos tentando meterme na pel daquelas mulleres, quizais as nosas avoas, e reflexionando cheguei á conclusión de que lles debía algo.
Podería poñer nomes de moitas mulleres do noso rural, mulleres que mesmo deixaron pegada na nosa terra, pero preferín centrarme nas heroínas anónimas, esas que non teñen rostro e ás que o paso dos anos e do esquecemento borrou dos nosos recordos.
A posguerra non foi fácil, pero aínda máis difícil era se encima naceras muller no rural. No mellor dos casos o matrimonio, sendo ben novas, era a mellor saída, así se pasaba dunha estrutura machista familiar a crear a túa outra familia co mesmo sistema machista ou máis. Desta maneira completábase o círculo.

Mulleres abnegadas, fortes, sumisas só en aparencia, bravas e á vez capaces de soster todo ese mundo co mellor dos sorrisos.
O nacional catolicismo que viría foi outra laxa máis nas súas costas. Aguantar, resignarse, non significarse, ser devota, boa esposa, boa nai, traballadora, non queixarse, recatada...
E así se ían diluíndo as mulleres do noso rural. Convertéronse en invisibles para dar visibilidade a outros,esquecéronse de que existían para que triunfasen outros, e os días foron pasando e tamén as esquecemos nos.
Posiblemente quero dicir máis e non parar en toda a noite de contar sobre elas, pero as frases amontóanseme, e percibo que non podo describir con letras as emocións que espertan en min a grandeza do feminino cando todo estaba en contra.
Elas son as verdadeiras heroínas. As invisibles dun tempo, dun lugar,da nosa terra.

Vagalume

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y tu experiencia de navegación. Si continuas navegando, se entiende que aceptas su uso.