Imprimir

O entroido

cigarron

En Laza, o Entroido representa o ciclo ritual máis longo dos que se coñecen. Comeza o día primeiro do ano a partires das doce da noite, que é cando soan por primeira vez os cintos de “chocos”. Mozos/as, rapaces e maiores esperan este intre para botarse a correr pola rúa (son os/as que posteriormente se vestirán de peliqueiro).

¿COMO É O ENTROIDO EN LAZA?

O entroido en Laza é vivilo, é correlo, é soltarse; é desinhibirse; é metamorfose, igualdade, liberdade; transgresión, é paz, fortaleza, renovación.

En Laza, malia as exóticas influenzas, o Entroido ten un cerimonial de seu. A liturxia, en canto ritual de actos, non é exclusiva da relixión. Xa se gardaba nos antigos cultos pagáns.

FOLIÓS

Antes dos días propios do Entroido, e coincidindo en venres, teñen lugar os “folións”: procesións nocturnas de xente con fachóns de palla facendo barullo acompañados do son dos “chocos” e do estrondo de tambores, latas, tixolas, ferramentas ou todo tipo de obxectos aptos para producir ruído, como se dun acto de esconxuro se tratara. Moito coidado xa que dende as casas pode “chover” cinza!. É un rito agrario ancestral: o lume purificando as terras e afastando os malos espíritos.

Velaí un caso (hai moitos) de paralelismo antagónico entre os ritos cristiáns e os do entroido: a procesión das candelas ou dos caladiños, rutilante, paseniña, silenciosa; o folión refulxente tamén, pero pola contra, ás carreiras, bulicioso e estrondoso.

Este ano 2020 os foliós que preceden ao grande, serán os venres: 31 de Xaneiro, 7 e 14 de febrero.

DIAS GRANDES DO ENTROIDO

VENRES E SÁBADO

O venres que precede ó domingo de Entroido celébrase o gran folión no que participa toda a veciñanza de Laza e centos de visitantes que se achegan nestas datas para vivir esta celebración tan particular.

O folión sae do fondo da Cerdeiriña a redor das 24:00 horas.

O sábado de Entroido pola tarde ten lugar a “fariñada” onde os máis pequenos, e non tan pequenos, fan un “batalla” botando fariña uns ós outros. Xa pola noite teñen lugar as “cabritadas”: cada grupo de amigos por barrios ou calquera elemento de conexión, composto por mozos/as e vellos/as, solteiros/as e casados/as reúnense para degustar o cabrito asado regado con bo viño e licores do pais e entoar principalmente as cantigas propias do entroido, mais tamén as que se tercen.

DOMINGO

Ó alborexar saen os primeiros peliqueiros; é o día da “estrea do peliqueiro”, que ataviado co seu traxe maxestoso e señorial, despois das visitas matutinas ás casas, percorrer as rúas da vila e remontar varias veces a Picota, chega un momento obrigado desta liturxia: esperar á xente na saída da misa formando dúas filas para saudar as asistentes mediante un xesto ritual coa zamarra e o son dos chocos.

O Longo da mañá ten lugar o reparto da “bica do peliqueiro”, biscoito tradicional de fariña, clara de ovo e manteiga, co que se agasalla a tódalas persoas que asistan.

Pola tarde saen á rúa carrozas típicas, pondo en escena costumes e ritos agrarios. Algunhas das representacións son tan sorprendentes coma enxebres, tales coma parodias críticas coas institucións locais e supramucipais, coa igrexa e, en xeral, coa vida social do momento.

Non faltarán, en todo o día, a música e unha porta aberta onde probar os licores da zona (augardente, licor café e xastré) e a bica branca.

LUNS

É o día no que afloran os rituais máis primitivos. A praza da Picota acollerá ó longo da xornada a terra, a auga, a cinza, a fariña, as formigas, os toxos, os cobelleiros…..

Pola mañá coa “farrapada”, ninguén debe saír da aldea sen recibir no lombo un farrapo (anaco de tea ou saco mollado en bulleiro). Entrementres ten lugar tamén a “xitanada dos burros”: mozas e mozos, nenas e nenos percorren as rúas montados nos burros e carros engalanados para tal ocasión. Tamén saen os Maragatos

Pola tarde baixa a Morena de Cimadevila. N-esto d´a morena tén o direito exclusivo d´a propiedá o barrio de Cimadevila, escribía o crego J. Alonso Obregón (1882-1936) na súa novela costumista, titulada Na miña aldea. Vén acompañada dun amplo séquito (actualmente quizá excesivo) que porta toxos, cobelleiros e sacos de formigas. Ninguén vai estar a salvo na praza da Picota da fariña e das famentas formigas. A Morena é unha cabeza de vaca de madeira que leva cravado un pau horizontal a xeito de corpo no que se oculta un home baixo unha manta. Coprotagonista é o burro, que a acompaña dende a súa saída. Producida a entrada triunfal da Morena e o Burro, conveniente montado por un mozo ou moza na Picota, xérase un barullo impresionante, un totum revolutum. A Morena escorna ós presentes cunha morbosa inclinación cara ás saias das mulleres. O burro trota de acá para alá. Cobelleiros e toxos bulen dun lado para outro; formigas cabalarias que voan e aterran nas cabezas de alguén e procuran a calor nas partes mais íntimas do seu corpo. E a hora máis sublime do entroido; é a éxtase.

Unha vez retirados estes personaxes da praza ten lugar o reparto das “cachucas” (cabezas de porco cocidas) entre tódolos asistentes.

Esta procesión, absolutamente profana, lembra a entrada triunfal de Cristo en Xerusalén. É evidente, coa substitución das palmas e oliveiras polos toxos e cobelleiros. Outro paralelismo entre ritos pagáns e relixiosos.

MARTES

Último día do Entroido. Pola maña vístense os peliqueiros veteranos. Vellos, coñecidos, peculiares e paradigmáticos estilos reviven. Un marabilloso espello no que aprender. Na praza renacen especialmente os vetustos ritos dos insultos e desafíos. Aparece a boneca diante de aquel, ó que se lle imputa un fillo de palleiro; a cadeira para dicirlles a todos que xa non teñen folgos (un peliqueiro sentado cometería unha profanación imperdoable)¸ os motes, os alcumes, os insultos de todo tipo para provoca-la persecución, que bastantes veces ten éxito e o provocador acaba levando a súa ración de zamarra.

Pola tarde os peliqueiros acompañan as carrozas típicas e a continuación ten lugar o “testamento do burro”: composición literaria popular en cuartetos en rima, onde o “testamenteiro” repasa o acontecido nas aldeas do concello ó longo do ano e que sabiamente transforma nunha crítica burlesca. Asemade o testamento permítelle repartir simbolicamente entre a veciñanza e autoridades un burro que morrera no último ano no lugar.

Xa pola noitiña ten lugar a “queima do arangaño” e o “enterro do Entroido” ritual no que participa toda a vila e que pon fin ó Entroido de Laza

O PELIQUEIRO

É a figura central do entroido. Ostenta o triplo poder: relixioso, xudicial e social, que se simbolizan: o relixioso na Mitra (deidade que chegou a Occidente, pola vía da civilización helenística, procedente de Oriente); o xudicial na zamarra; e o social nas súas prerrogativas como autoridade do ciclo e no mantemento da orde.

A súa orixe non se pode determinar. Hai, emporiso, dúas versións. Moi resumidamente, a proto ou prehistórica que a vencella coa tribo celta ou coa invasión romana (bacanais, saturnais) e a medievalista, que xurdiría da rebelión dos vasalos contra o pagamento do tributo en vellóns ou marabedís (moedas de curso legal entón) polo desfrute das terras ó conde de Monterrei. Pra sometelos crearía unha máscara atemorizadora que percorrería a súa xurisdición amedrentando ós rebeldes para que pagasen. Ben é certo que esta connotación recadadora apreciase no cigarrón (cigarrón lapón metes os cartos no bolsón), pero en modo algún no peliqueiro, que tan só utiliza a súa forza coercitiva para os que lle atrancan o paso, os insultan ou interrompen a orde. Agás isto, a zamarra úsaa en xestos de saúdo, purificación e ostentación de mando.

O nome provén da verba pelica pel seca de gato (hoxe a mor parte son sintéticas) que cubre a parte posterior da careta. A “careta” é de madeira de ameneiro ou de bidueiro, rematada cunha mitra que leva pintada unha figura de animal ou vexetal.

O traxe é enteiramente artesanal. A chaquetiña é curta, con “charreteiras” de corte militar e cuberta a parte de atrás cun pano de cabeza que, en moitos casos, é regalo da noiva do peliqueiro. O pantalón, a modo de calzón curto, é de liño, con encaixes e pondóns de algodón. Levan camisa e gravata, medias e ligas de fantasía de rechamantes cores. Na cintura, dúas faixas e enriba delas un cinto con seis chocos que ó correr fan un ruído estrondoso. Na man levan unha zamarra: báculo e símbolo de autoridade co que se abre camiño, saúda e castiga.

Vestirse de peliqueiro é un orgullo, un símbolo de fortaleza física e poder moral.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y tu experiencia de navegación. Si continuas navegando, se entiende que aceptas su uso.