Imaxe de separación
Logo
INICIO | MAPA DA WEB | CONTACTO
Logo Sección Actualidade
Novas
Galería de fotos
Enlaces
Logo Sección Concello
Saúdo
Corporación
Pobos de Laza
Servizos
Empresas locais
Separación
Separación Logo Sección Turismo
Historia
Localización
Festas
Entroido
Peregrinos
 
 
Barra separadora
Localización
Vista do concello de Laza

O concello de Laza pertence á comarca de Monterrei. Está situado no sueste da provincia de Ourense. Limita ó Norte cos concellos de Montederramo e Chandrexa de Queixa, ó Sur cos concellos de Castrelo do Val e Monterrei, ó Leste con Vilariño de Conso e Castrelo do Val e ó Oeste con Vilar de Barrio, Sarreaus e Cualedro.

Ten unha superficie de 215,90 km², sendo un dos concellos máis extensos de Galicia. A súa latitude é de 42º 03’ 5’’ N e a lonxitude de 7º 27’ 30’’ O. A altitude é de 482 m sobre o nivel do mar.

Ten unha poboación de 1.904 habitantes distribuída nas parroquias de Laza, O Castro, Alberguería, Carraxo, Matamá, Camba, Cerdedelo, Retorta, Trez e Toro. O resto dos pobos pertencentes ó concello de Laza son: Arcucelos, As Eiras, Naveaus, O Navallo, O Pereiro, O Santo, Souteliño, Sóutelo, Tamicelas e Vilameá.

Laza vista dende satélite

O Concello de Laza atópase rodeado na parte Norte e Nordeste por unha área montañosa que comprende as serras de: San Mamede, Fial das Corzas e Invernadoiro, sendo este último un espacio natural protexido. Nestas Serras atopamos as maiores altitudes do concello: Cazcallal con 1.584 m; Pozo Negro, 1.516 m (situado na liña divisoria co municipio de Vilariño de Conso, parecen atoparse restos de pequenos fenómenos glaciares); Gancedo con 1.445 m; Collado da Viduela, 1.444 m; Collado da Aceveda e Baroncello 1.412 m; Cabeza do lombo Grande, 1.369 m; Louredo 1.355 m e Alto dos Cregos, 1.324 m. Ó Sur atópanse tamén importantes cordais montañosos nos que destaca o “Llano das minas“ con 1.089 m de altura. Polo Oeste atopámonos co Monte Meda a 1.089 m de altura, Altos de Baldriz, a 800 m e Alto de Penalba a 907 m de altitude.
Deste xeito o centro do concello queda nunha depresión formada polo río Támega. Este sector central, aparece recuberto por aluvións de orixe terciaria e cuaternaria que na súa área sur pertencen xa o val de Monterrei.

O río Támega do que dixo Ramón Otero Pedraio na súa "Historia de Galicia": “Nome de rexia e lonxana resoanza céltiga e occidental” é o causante da fermosa paisaxe deste val. Por outra banda o escritor nativo deste concello Antonio-Augusto Diéguez Añel na súa obra “Támega” di que este nome é unha palabra eufónica da raíz Tavishi, que en sánscrito significa “corriente de auga”. Río Támega

Este río que se estende dende Alberguería, onde nace, ata o Douro, onde desemboca, ten unha lonxitude de de 51 km en chan galego e unha cunca de 624 km². Nace no cumio do Talariño (960 m), serra de San Mamede (Alberguería). Ó cabo de 4 kms de percorrido, monte abaixo, chega a Tamicelas, onde coa confluencia de tres regatos se fai propiamente río: o regato do río Támega, o regato dos Portos que baixa dende as montañas de San Mamede e o regato da Abelleira que tamén nace nas estribacións do san Mamede e aporta aquí máis auga que o propio Támega.
Un pouco antes da confluencia dos tres regatos, atópase un fermoso muíño, reconstruído polas xentes do lugar e en plena actividade para moer o gran.
Dende Tamicelas o río Támega segue baixando cara o val de Laza, e ó seu paso por Soutelo Verde recibe as augas pola marxe dereita do río Carraxó. En Soutelo Verde atópanse varios muíños, uns reconstruídos e outros abandonados .
Ó chegar ó Rial recibe as augas doutro regato: o Souteliño. Xa en Laza colle pola esquerda o seu máis importante afluente “O Cabras”, que baixa rápido polos montes de Correchouso, arrastrando materiais do seu leito e dando lugar ó fermoso paraxe da Pista do Marroquí ou do Monte Armada. Apórtalle ó Támega o 50% do seu caudal, tendo en conta ademais que antes de xuntarse co Támega recibe as augas do río Cereixo que ven de Trez. Logo o val estréitase preto de Matamá para recibir pola esquerda ó Codias que trae as augas das serras do Invernadoiro. En terras de Matamá aproximadamente uns 65 anos existiu unha minicentral eléctrica que abastecía de luz a moitos pobos da bisbarra: Laza, Matamá, Retorta, Arcucelos, Nocedo e Castrelo do Val.
A partir de Matamá segue recibindo a auga de innumerables regatos intermitentes de augas estacionais como os regueiros de Retorta e Arcucelos pola dereita.
Dende aquí o Támega introdúcese no Concello de Castrelo do Val, pasa por Verín e segue cara terras portuguesas.

A climatoloxía non é uniforme en todo o municipio, pois nas zonas altas o clima é de montaña, con invernos fríos e húmidos e veráns secos. A temperatura media anual é de 9ºC, mentres que no inverno descende por debaixo dos 3ºC en decembro e xaneiro. As precipitacións son elevadas (1.700 mm). Por outra banda, no val predomina un subtipo de clima oceánico de interior na variedade das depresións de matiz frío, como consecuencia do seu afastamento do océano. A temperatura media anual é baixa (10,5ºC). As precipitacións descenden considerablemente e máis nos últimos anos.

Textos orixinais de Carmen Rivero.

Subir  
Barra separadora